Con dez votos a favor, entre eles os representantes sindicais do profesorado, agás a CIG que se abstivo, e tres votos en contra, que corresponden cos da federación de asociacións de nais e nais de alumnos, FANPA Pontevedra aprobouse continuar a tramitación; FANPA estivo de acordo cos criterios fixados para a repartición de colexios pero lamenta que Educación non contase con eles durante todo este proceso de elaboración.
A FANPA opúxose a aprobar o Plan de Zonificación sen ter planos comparables. O documento que se presentou foi o que tendes abaixo en ligazón para descarga, só consta a relación de rúas de cada zona. FANPA reclamaba un mapa do estado actual e un mapa da proposta para poder certificar que o que a Xunta propón como obxectivos teóricos se acada na planificación. Para iso se pediu un aprazamento de 3 días e un novo Consello Escolar ao luns seguinte.
A Xunta alegou que calquera atraso suporía a non aplicación da zonificación este curso é que a FANPA sería responsable de calquera disfunción ou prexuízo nos centros educativos. O conxunto do Consello Escolar decidiu votar a proposta sen aprazamentos, co compromiso de que cada ano se revise e axuste o plan no propio Consello Escolar.
Tres dos catro inspectores que participaron no deseño do novo mapa escolar, que contou ademais coas alegacións presentadas polos propios centros e as das ANPA, destacaron que a Xunta prevé aprobar esta zonificación en marzo, para que o proceso de admisión dos alumnos do próximo curso xa se rexa en función desta normativa.
PRINCIPAIS CAMBIOS
De entrada, baixo estes criterios, o novo mapa de escolarización beneficiaría aos colexios de Barcelos, Manuel Vidal Portela ou Marcos da Portela, no casco urbano, e os de Príncipe Felipe, Parada (Campañó) e San Martiño (Salcedo), no rural. Ademais, perderían áreas centros como o Vilaverde ou o Álvarez Limeses, dous dos que teñen maior demanda.
Para consultar as zonas do municipio que corresponden a cada centro, pulsade no seu nome.