Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023

Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023
Actualizado Setembro 2022

mércores, 3 de xuño de 2015

ORDE do 22 de maio de 2015 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16.

O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2015/16, para o seu uso neste ano académico. 


Está excluído do ámbito de aplicación desta orde o alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (Edixgal) no curso 2015/16.



Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Beneficiarios:

Alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2015/16.


Obrigas dos beneficiarios.



A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:
a) Seguir as directrices que marca a orde da convocatoria e destinar o importe da axuda na súa integridade á adquisición dos libros de texto propios do curso académico para o que se solicitou a axuda, segundo a relación que, para tal efecto, teña publicado o centro onde estea matriculado o alumnado.
b) Cooperar coa Administración educativa en cantas actividades de inspección e verificación leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.
c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Conservar en bo estado os libros de texto adquiridos con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos, ao rematar o curso escolar 2015/16 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros), que permita a súa reutilización nos seguintes cursos académicos como medida que favoreza o establecemento dun sistema de socialización do seu uso.



Exclúese desta obriga ao alumnado beneficiario de 1º e 2º de primaria, así como o de educación especial e aquel cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, sempre que o material adquirido con cargo á axuda non poida ser reutilizado.

Requisitos:

a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado nos cursos obxecto desta convocatoria en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, ou do alumnado previsto na disposición adicional primeira desta convocatoria, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o curso escolar 2015/16.
b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.
d) Ter devolto os libros de texto e/ou material reutilizable adquirido coas axudas do curso 2014/15.


O prazo máximo para esta devolución será o 19 de xuño 2015. Non obstante, o alumnado de educación secundaria obrigatoria que teña algunha materia pendente poderá quedarse co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o 4 de setembro de 2015.

DOCUMENTACIÓN:

Unha vez cuberta a solicitude deberán presentarse, xunto coa documentación segundo se indica no artigo 3 desta orde, debidamente asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar que obteñan ingresos, excepto nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá omitirse a sinatura do proxenitor que non teña a custodia do menor.


  • A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos polo centro.
  • Se a solicitude se presenta no centro docente onde está matriculado/a o alumno/a, presentarase orixinal e copia da documentación, co fin de que a persoa que a reciba poida verificar a autenticidade da copia e devolva os orixinais. En caso de que a presentación non se faga no centro, deberá presentarse orixinal ou copia debidamente compulsada.

    A documentación que hai que achegar nas ensinanzas e cursos obxecto desta convocatoria é a seguinte:
  • Alumnado de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

    Copia do DNI/NIE só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.
    • a) Libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. 

      Só no caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, en día 31 de decembro de 2013, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:
      • 1. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.
      • 2. Certificado ou volante de convivencia.
      • 3. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia que acredite a situación familiar.
    • b) No caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude, ou do alumno igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %, deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia o 31 de decembro de 2013:
      • 1. Certificado emitido polo órgano competente do grao de discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %,
      • 2. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, ou
      • 3. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
    • c) No caso de situación de violencia de xénero no ámbito familiar: documentación acreditativa. 

      O alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, segundo establece o Decreto 229/2011, do 7 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 21 de decembro), unicamente deberá presentar a solicitude de axuda. 

      O alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, só ten que presentar a certificación emitida polo órgano competente do grao de discapacidade, xunto coa solicitude da axuda.
  • A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.
  • O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.
  • Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para que cubran as solicitudes de xeito correcto en todas as súas epígrafes e acheguen a documentación requirida por esta orde.
  • As solicitudes (anexo I) deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro en que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

    A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

    Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.
  • * O prazo de presentación de solicitudes para o alumnado matriculado no ano académico 2015/16 nas ensinanzas e cursos obxecto desta convocatoria é o seguinte: 
    a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: un mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
    b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 27 de xullo de 2015, ambos inclusive.
    c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2015, ambos inclusive.
    d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2016.


0 comentarios:

Publicar un comentario