Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023

Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023
Actualizado Setembro 2022

mércores, 3 de xuño de 2015

Fondo solidario de libros de texto.

Esta convocatoria ten por obxecto regular os aspectos básicos do funcionamento do fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2015/16.

Os libros de texto utilizados no curso 2014/15 nos niveis incluídos nesta orde manteranse no curso 2015/16.

Está excluído do ámbito de aplicación da orde o alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (EDIXGAL) no curso 2015/16.

Beneficiarios:

Alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2015/16.

Obrigas do alumnado beneficiario.
O alumnado beneficiario dos libros de texto do fondo solidario está obrigado a usalos correctamente e a conservalos en bo estado; así mesmo, deberá devolvelos ao fondo solidario ao rematar o curso escolar 2015/16 (en xuño ou en setembro, segundo o caso). No suposto de traslado de centro durante o curso, deberá devolver os libros recibidos.

Requisitos:

1. O alumnado deberá devolver os libros de texto adquiridos con cargo ás axudas do curso 2014/15 unha vez feitos os exames, e como máximo, o 19 de xuño de 2015. Non obstante, o alumnado de 2º ou 4º de educación secundaria obrigatoria que teña algunha materia pendente, poderá quedar co libro correspondente ata que se examine, e como máximo, ata o día 4 de setembro de 2015.

O centro docente gravará estas devolucións na aplicación Axudaslibros, para poder xerar a listaxe co número de exemplares dispoñibles por materia.

2. A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario.

3. Así mesmo, para xestionar o fondo solidario de libros de texto, o centro docente reflectirá na nova aplicación informática Fondolibros o número de exemplares dispoñibles de cada materia antes do 2 de xullo de 2015 (este incluído).

Os exemplares correspondentes a materias de 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, que devolva o alumnado despois dos exames de setembro, reflectiranse na aplicación antes do 9 de setembro de 2015 (este incluído).


Documentación:

  • Poderán presentar solicitude o/a proxenitor/a ou representante legal do alumnado matriculado ou que se vaia matricular no curso 2015/16 nos niveis educativos incluídos nesta orde.

    No caso do alumnado suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia, deberá presentar a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.
  • As solicitudes presentaranse en soporte papel preferentemente no centro onde estea matriculado ou se vaia matricular o alumnado no curso 2015/16. Así mesmo, poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.
  • As solicitudes presentaranse no formulario normalizado do anexo I desta orde, que poderá obterse nas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

    Ademais, a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros antes citados.

    O modelo normalizado (código de procedemento: ED330D), tamén estará dispoñible no portal educativo, enderezo: http://www.edu.xunta.es

    Así mesmo, o centro docente poderá xerar a solicitude, logo de introducir os datos da persoa solicitante na aplicación informática Fondolibros.
  • A solicitude é individual; polo tanto, deberá presentarse unha solicitude por cada alumno ou alumna.
  • A presentación da solicitude implicará que o/a solicitante acepta as bases da convocatoria, manifesta que reúne os requisitos exixidos nela e que son veraces os datos que constan na solicitude; que se compromete a conservar os libros de texto e material recibidos en bo estado, e a devolvelos ao fondo solidario de libros de texto ao finalizar o curso 2015/16.
  • Forma de presentación da documentación:
    • a) Cando a solicitude e a documentación preceptiva se presenten no centro achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais, para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade.
    • b) Cando se presenten nun lugar distinto do centro, a solicitude irá acompañada dos documentos orixinais ou copias cotexadas.

      En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectirán a situación persoal, familiar e económica o 31 de decembro de 2013, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.
  • Documentación acreditativa.
    • a) Identidade. Achegarase copia do DNI ou NIE dos membros computables da unidade familiar, cando non autoricen a consulta de forma telemática.
    • b) Membros computables da unidade familiar. Achegarase copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Nos casos en que non teñan libro de familia ou este non reflicta a situación o 31 de decembro de 2013, poderán acreditar o número de membros utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:
      • 1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
      • 2º. Certificado ou volante de convivencia.
      • 3º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
      • 4º. Certificado de falecemento.

        Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 8 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
    • c) Grao de discapacidade. Achegarase o certificado acreditativo do grao de discapacidade emitido polo órgano competente ou o documento acreditativo da condición de perceptor dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou dunha pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
    • d) Renda familiar. Achegarase copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na falta desta, do certificado tributario de imputacións dos membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante, cando non autoricen a consulta de forma telemática.
    • e) Violencia de xénero. Acreditarase en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
    • f) Incapacitación xudicial con patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Acreditarase coa correspondente resolución xudicial.
    • g) Tutela ou garda da Xunta de Galicia. Achegarase a resolución xustificativa do acollemento familiar ou o certificado do centro de menores.


0 comentarios:

Publicar un comentario