Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023

Rexistro Actividades Anpa Curso 2022-2023
Actualizado Setembro 2022

luns, 15 de novembro de 2010

O conselleiro de Educación destaca o labor pedagóxico do CEIP Álvarez Limeses na celebración do seu 50 aniversario


  • O centro, referente de calidade do ensino, comezou a súa andaina no 1960 como resultado da unión de varios recintos escolares
  • Vázquez Abad destacou a calidade do colexio, “situado na vangarda do sistema educativo galego”
  • As celebracións continuarán ata o venres con diversas actividades e conferencias dirixidas aos estudantes, pais, nais e titores.
 
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe pola maña á celebración do 50º aniversario do CEIP Álvarez Limeses, en Pontevedra, uns actos que durarán ata o venres 19 de novembro. Xunto ao director do centro, Vicente Fernández, o conselleiro interveu na conmemoración e posteriormente percorreu as instalacións nas que estudan 442 alumnas e alumnos de primaria.

Durante a súa intervención o conselleiro lembrou a figura de Xerardo Álvarez Limeses “unha guía”, dixo, “para cantos dedicamos as nosas vidas á mellora do sistema educativo da nosa terra·.

Así mesmo, o conselleiro destacou que “poucos centros educativos da nosa terra gardan raíces tan entrañables e profundas como as que o Álvarez Limeses posúe”.”O magnífico labor pedagóxico deste centro, situado na vangarda do sistema educativo galego, é a mellor proba das bondades e das oportunidades que trae consigo o feito de combinar a experiencia histórica co deseño do futuro”, engadiu.

Asemade, e a través da homenaxe a este centro q á súa historia, Vázquez Abad quixo “render tributo aos homes e mulleres que teñen nas súas mans o cultivo e maila preparación cidadá das novas xeracións” porque, tal e como engadiu, “sobre elas, sobre a mocidade, repousa a esperanza do progreso e do benestar social”.

Cómpre recordar que o CEIP Álvarez Limeses foi inaugurado no 1960 polo alcalde Filgueira Valverde, e naceu como resposta a necesidade de ter un centro no que unificar varios recintos escolares. A historia dese momento e do acontecido ao longo deste medio século poderá seguirse a través dunha mostra de fotografías antigas, recompiladas polo director do centro.

Durante a xornada de hoxe interviron, xunto ao conselleiro de Educación e o director do centro, a neta de Xerardo Álvarez Limeses, e unha das actuais alumnas, así como outra de comezos da andaina da escola. Tamén estivo representada a ANPA, e acudiron o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Actividades para todos

Nos vindeiros días desenvolvéranse actividades variadas e conferencias dirixidas aos estudantes, os pais e nais, e os titores do centro. O martes os matriculados en terceiro e cuarto de primaria realizará activades na natureza, mentres que os de infantil asistirán a un contacontos. Xa pola tarde haberá unha conferencia “Desde a escola ao mercado laboral”, impartida polo Seminario Carlos Velasco.

Ao día seguinte os estudantes gozarán do magosto e pola tarde Celestino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués, dará un relatorio aos estudantes de 6º de primaria sobre este percorrido a Santiago. O xoves o propio Celestino Lores será o responsable de acompañar a un grupo de alumnas e alumnos de 5º de primaria por esta ruta e pola tarde haberá unha charla sobre “As árbores do casco urbano de Pontevedra”.

Para rematar as celebracións o venres haberá un acto informativo para estudantes de 5º e 6º de primaria sobre “Pediculosis: Diagnose e tratamento” impartido por persoal da Farmacia Cobián Aral. E para rematar realizarase unha actuación a cargo do “Mago Cali” e unha charla sobre medio ambiente, dirixidas as alumnas e alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria.

Fonte: http://www.edu.xunta.es

0 comentarios:

Publicar un comentario