Rexistro Actividades Anpa Curso 2026-2027

Rexistro Actividades Anpa Curso 2026-2027
INSCRICIÓN COTA SOCIO 2026-2027
Amosando publicacións coa etiqueta Xunta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xunta. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de febreiro de 2010

O Portal Educativo da Xunta de Galicia migra a unha plataforma renovada e con orientación á cidadanía

  • Os usuarios da web da Consellería de Educación poden agora atopar con maior facilidade os asuntos do seu interese
  • O renovado portal sostén a súa estrutura sobre a diferenciación de contidos para os distintos colectivos, a actualidade e os servizos
O Portal Educativo da Xunta de Galicia vén de migrar a unha plataforma web renovada, na que os usuarios da web poden acceder dun xeito máis dinámico á información da Consellería de Educación e aos servizos ofrecidos por este departamento.

A nova web presenta unha estrutura unificada co resto dos portais da Xunta de Galicia, o que redunda nunha maior accesibilidade para o usuario, que atopa as mesmas referencias en todas as web. Ademais, o portal está enmarcado dentro das iniciativas da Xunta de Galicia a prol do software libre. Esta aposta quere establecer unha referencia tecnolóxica dun gran sistema baseado en software libre, de xeito que a propia Consellería sirva como exemplo dentro do eido educativo sobre o uso deste tipo de software. Complementariamente, optar por unha plataforma baseada en software libre mellorará a súa futura evolución, facilitando a incorporación de funcións e servizos dirixidos a achegar a administración electrónica a todos os eidos educativos e para implantar e fomentar o uso das TIC no proceso educativo.

A parte principal da páxina de inicio sostense sobre os piares dos servizos, a actualidade e os anuncios, presentados con atractivos elementos gráficos e unha estrutura limpa e clara. Na parte superior, a información aparece compartimentada por colectivos, co que os usuarios poden atopar dun xeito máis sinxelo a información do seu interese. Outra das novidades do Portal educativo é a incorporación dun buscador cunha mellorada funcionalidade, que permite incluso a busca avanzada por temas, colectivos ou departamentos.

Tras esta migración, a Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación segue a traballar para conseguir unha plataforma flexible de tal xeito que se poidan incorporar no futuro servizos complementarios tales como ferramentas de traballo colaborativo, e ampliar os servizos ofrecidos.

Fonte: www.edu.xunta.es

xoves, 24 de setembro de 2009

PROTOCOLO GRIPE A EN CENTROS ESCOLARES

As recomendacións incluídas nesta guía teñen a finalidade de reforzar as medidas hixiénicas que habitualmente se toman nos centros escolares e dar a coñecer as medidas de prevención e actuacións que se deben poñer en marcha fronte a gripe pandémica A (H1N1) e que tamén son de utilidade respecto doutras enfermidades infecciosas. O seu obxectivo é limitar a transmisión do virus entre os integrantes da comunidade educativa.

Segundo indicacións do Ministerio de Sanidade e Política Social, todo neno ou nena en idade escolar pode e debe ir ao colexio ou instituto, salvo nos casos en que padeza a enfermidade da gripe A ou exista a sospeita de estar afectado por esta. Igualmente, o Ministerio de Educación, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade, indica que os centros deben permanecer abertos co fin de asegurar que o alumnado que asiste á clase realice actividades educativas proveitosas.

Esta afirmación é igualmente aplicable ao profesorado e ao persoal non docente que traballe no centro educativo. Tamén o é para o colectivo de pais e nais á hora de ir ao colexio, levar e/ou recoller un neno ou nena ou á hora de asistir a calquera evento ou consulta.

O Ministerio de Sanidade comunica así mesmo que, nestes momentos, non é recomendable un peche dos centros escolares nin atrasar o inicio do curso escolar por mor do novo virus da gripe, xa que os inconvenientes para a sociedade dunha medida deste tipo superarían sobradamente as posibles vantaxes, debido a que a escola é un servizo público e, como tal, debe permanecer ao servizo da comunidade.

Segundo as pautas establecidas polo Ministerio de Sanidade, serán as autoridades sanitarias competentes, en función da situación epidemiolóxica, as que deberán avaliar un posible peche puntual dun centro por un período concreto de tempo como consecuencia da aparición dun brote de gripe A, co obxecto de diminuír a extensión da infección, sempre que consideren que esta medida sexa realmente efectiva.

Os centros educativos deberán estar atentos ás actuacións e informacións que transmitan as autoridades sanitarias e educativas con respecto aos plans de preparación fronte á pandemia; así mesmo, deberán colaborar con elas. Este contacto permitiralles aos centros educativos dispor dunha información útil para facerlle fronte ao posible impacto da pandemia de gripe na súa comunidade educativa e establecer plans e pautas de actuación en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Así mesmo, nos centros escolares estableceranse uns procedementos e criterios de vixilancia sobre o absentismo escolar que permitan unha comunicación rápida e oportuna de posibles brotes de gripe A cos servizos de saúde, o que lles permitirá a estes unha rápida valoración do posible impacto epidemiolóxico e social das medidas que cómpre adoptar.

Para poder realizar una avaliación inmediata do absentismo escolar, habilitarase en cada centro un programa informático co fin de recoller diariamente as ausencias que se produzan.

Protocolo Actuación Gripe A en Centros Escolares


Podedes descargas o protocolo dende:

Protocolo Actuación Gripe A en centros escolares